Vitamina n
Que é A vitamina N?
Durante toda a historia da especie humana a vitamina N era abundante no noso organismo porque a xente vivía en contacto coa natureza. Pero desde a Revolución Industrial, o auxe das cidades e a desaparición do sistema agrario tradicional a partir dos anos 60 do século pasado, esta vitamina empezou a reducirse provocando que as xeracións actuais presenten un serio déficit que afecta tanto á saúde física como psíquica e o benestar xeral.
Actualmente levamos unha vida sedentaria, soportamos altos niveis de estrés e sufrimos un bombardeo constante de múltiples estímulos. Tanta información recibimos que o noso cerebro é incapaz de procesala debidamente, o que se manifesta en serios problemas de memoria e concentración, tanto en persoas adultas coma crianzas. Apartarnos da natureza enférmanos e só retomando o contacto con ela lograremos recuperar a saúde e o goce de sentirnos plenamente humanos.
Cada vez máis profesionais da saúde receitan vitamina N porque numerosos estudos demostran a súa eficacia. As receitas de natureza, e concretamente a observación de fauna aérea, son fundamentais para recuperar o equilibrio e a saúde. Rodearnos e mergullarnos na natureza axuda a reconectar cos nosos sentidos, sobre todo a vista e o ouvido, porque o principal problema da vida moderna é que esquecemos como utilizalos. Sigamos o consello de J. Burroughs (1837-1921) naturista e ensaísta:

“Vou á natureza para calmarme e sanarme, e para poñer os meus sentidos en orde”.
Podes observar a fauna aérea en calquera momento e lugar. Aves, morcegos e insectos viven con nós e témolos ao alcance da vista e o ouvido cando paseamos pola rúa, por un parque ou cando miramos pola ventá da nosa casa. Mergullarnos en medios naturais, bosques, ríos, lagos ou prados para observar paxaros, morcegos e insectos ten o beneficio engadido de facer exercicio físico, respirar aire puro e gozar. As visitas guiadas achegan coñecemento e unha relación coa xente en contornas relaxadas que nos afastan do individualismo.