Reprodución Das aves

Reprodución

Tendo en conta a variedade de aves que existen, o comportamento reprodutivo destas é igual de variado, pero en todas elas inclúe o cortexo, a cópula, a construción do niño, a posta, o empolamento da niñada e a alimentación dos pitos. O comezo do proceso reprodutivo das aves responde a varios factores, como poden ser a cantidade de luz, a dispoñibilidade de alimento e a dispoñibilidade de parella. A maioría das aves reprodúcense e poñen os seus ovos cando comeza a primavera, pero algunhas que viven en bosques de coníferas poden esperar ao inverno para alimentarse de sementes de piñeiro que abundan nesta estación.

As aves contan cun complexo comportamento reprodutivo coñecido como cortexo. Poden permanecer en parellas monógamas para sempre ou só durante unha tempada, a fin de facilitar o coidado biparental. Máis lle vale ao macho estar preparado para tratar a femia adecuadamente ou non se reproducirá ese ano. Co cortexo as aves buscan formar parellas para levar a cabo a reprodución. O que máis debe esforzarse é o macho, quen atrae á femia coa dominancia dun territorio apto para a crianza, e que debe defender fronte aos outros competidores. Cantos elaborados, exhibicións da plumaxe (como os pavos, que despregan impresionantes colas para impresionar as femias), bateduras de ás, danzas ou peteiradas suaves no pescozo. O obxectivo do cortexo do macho é atraer a femia, e amosarlle que é o pretendente máis apto para outorgar descendencia, e a femia decide con cal reproducirse. Se o cortexo non é exitoso, a femia evitará o macho voando lonxe.

As aves constrúen niños no chan, nas árbores ou en ocos, buscando lugares protexidos dos depredadores. A construción do niño forma parte do cortexo, e adoita ser responsabilidade do macho. Por exemplo, os pardais forran os niños con algúns materiais insólitos, como plumas arrincadas a aves vivas. Un observador de Nova Zelandia sorprendeu varios deles arrincando as plumas directamente das ás dunha pomba adulta que estaba incubando, a un ritmo de seis ou sete por hora. Normalmente, o pardal saltaba sobre as costas da pomba, arrincáballe unha única pluma e desaparecía voando.

Feito o niño, a femia vai depositando ovos a razón dun ao día habitualmente, e adoita ser ela a responsable de incubalos (aínda que nalgunhas especies esta tarefa pode ser compartida por ambos os proxenitores), mentres o macho se encarga de alimentala durante os 10 a 60 días que pode durar o proceso segundo a especie. Unha vez eclosionan os ovos, femias e machos reparten a responsabilidade da cría dos pitos, o que inclúe alimentalos e ensinarlles a voar e a cantar. En xeral, as aves con cerebro máis pequeno, que tenden a ter vidas máis breves, presentan postas máis numerosas; mentres que as aves con cerebros grandes e normalmente máis lonxevas, poñen niñadas máis reducidas. Trátase dunha estratexia de supervivencia en que a enerxía se destina á supervivencia antes que á reprodución. Ambas as estratexias, a dunha vida rápida e a dunha vida lenta, resultan máis ou menos útiles dependendo da contorna.

As crías, ao eclosionar, rompen a casca do ovo co chamado “dente ovo”, protuberancia que teñen no bico e que unha vez cumprida a súa función, cae. Algúns pitos amósanse indefensos e outros independentes; os indefensos, “nidícolas” ou “altriciáis” son cegos e sen plumas e nalgúns casos precisan dos pais para realizar a termorregulación. Exemplo deles son a maioría dos paxaros cantores: paporrubios, gaios… Os precoces ou “nidífugos” son aqueles que desde o seu nacemento están máis desenvolvidos, que nacen cos ollos abertos e as plumas suaves e brandas. Son máis independentes, camiñan, seguen á nai e peteiran a comida directamente, chegando mesmo a independizarse ás poucas horas de romper a casca; é o caso dos patos, gansos e o arao papagaio. Algunhas aves continúan unidas aos seus pais durante os procesos migratorios.

Scroll ao inicio
Logo Fauna Aérea de Santiago
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecercge a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacenase no teu navegador e realiza funcións tales como reconocerche cando volves a nosa web o axudar o noso equipo a comprender qué seccións da web encontras máis interesantes e útiles.