CONSELLOS PARA GOZAR DA FAUNA AÉREA
Prismáticos, lupa
As aves nunca están preto polo que o primeiro que temos que facer é “aproximarnos visualmente”. É moi importante o uso de prismáticos ou binoculares.
Para observar aves, o número ideal de aumentos está entre 8 e 10, mentres que o tamaño da pupila de saída estaría entre 30 e 42 milímetros. Os prismáticos óptimos serían os comprendidos entre 8×30 mm e 10×42 mm. Os primeiros son máis útiles para observar aves en hábitats con vexetación a curta distancia; os segundos ofrecen vantaxe en áreas abertas, ou no mar.
Dado que os insectos adoitan estar máis quietos, unha lupa pode ser útil para ver detalles que a simple vista non se aprecian.
TELESCOPIO
Cando chegas a unha lagoa ou a un esteiro, por exemplo, as aves están lonxe e os prismáticos quedan curtos, polo que é o momento de pensar nun telescopio. É preciso un telescopio terrestre que teña un zoom para localizar as aves e afinar detalles a gran distancia. Para usalo é imprescindible un trípode, robusto e lixeiro.
Para axudarche a recoñecer a fauna aérea do lugar, poñemos a túa disposición un buscador nesta web para consultar aves, insectos e morcegos.
gUÍAS DE CAMPO/RECURSOS EN REDE

Ademais, ofrecémosche unhas ligazóns que tamén poden ser útiles:
Seobirdlife: guía aves: https://seo.org/guia-de-aves/
Morcegos de Galicia: ofrece un atlas de distribución dos morcegos por toda Galicia:
http://www.morcegosdegalicia.org/mapa_especies.php?idioma=gl
Aplicacións para recoñecemento de especies mediante fotos como: Seek (iNaturalist). Identifica animais silvestres, plantas e fungos simplemente fotografándoos .
BirdNET ou Merlín, son aplicacións para recoñecemento de aves mediante a gravación dos seus cantos.
VISITAS
Para aprender de expertos/as podes apuntarte a visitas guiadas para a observación de fauna aérea. O Museo de Historia Natural (MHN) de Santiago conta cunha Asociación de Amigos do MHN, que periodicamente organiza visitas guiadas para recoñecemento de aves, insectos e morcegos. Na web Morcegos de Galicia tamén podes informarte sobre visitas e as actividades que organizan.
Caderno de campo e fichas de observación
Apuntar as aves que vemos, o momento e o lugar da observación, as súas características, o número e o comportamento é fundamental.
En Recursos ofrecémosche algúns modelos de fichas de observación de aves e insectos. Un caderno pequeno, flexible e resistente vai ser unha ferramenta moi útil. Os de tapas semirríxidas e cosidos son os mellores.
Vestimenta, calzado, mochilas
- Non merques un equipo moi sofisticado, pero convén protexernos do frío, do sol ou da chuvia: forros polares, impermeables, gorros, luvas, sombreiros…
- Vestir cores discretas para pasar inadvertidas durante as nosas saídas.
O calzado é importante para estar cómodos: non é agradable observar aves cos pés fríos e mollados; como tampouco o é camiñar por un terreo pedregoso con sandalias, polo que é moi importante escoller o adecuado.
O equipo non estaría completo sen unha mochila para transportar auga, comida e a guía de campo.
Tamén é importante documentar as nosas observacións con fotos, de xeito que son moi útiles as cámaras réflex cun gran teleobxectivo
Mellor en grupo
Son decenas as sociedades ornitolóxicas existentes. En Galicia podemos destacar a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO, www.sgosgo.org ), Grupo Naturalista Hábitat (gnhabitat.org) , ou a Sociedade Galega de Historia natural (SGHN)
Estas organizacións dispoñen de foros de debate especializados nos que imos atopar resposta a moitas dúbidas, e nos que poderemos informarnos e compartir coñecementos con outras persoas interesadas na observación de aves.
Outras formas de observar aves no seu hábitat

Saíndo ao campo con observadores experimentados imos aprender rapidamente. Sempre é importante comentar as nosas observacións e escoitar outros observadores: debemos mellorar as nosas habilidades, e incrementaremos os nosos coñecementos sobre as aves.
Turismo ornitolóxico mediante o acompañamento dunha guía experta que facilite atopar e identificar correctamente as aves e aprender sobre os seus ecosistemas. Existen proxectos e iniciativas tanto de institucións públicas como de empresas privadas (por exemplo, Spainbirds: https://www.spainbirds.com/ e Wildwatching Spain: https://wildwatchingspain.com/ )
A web de Turismo de Galicia (https://www.turismo.gal/que-facer/birding-in-galicia?langId=es_ES) ofrece unha boa información se queremos ampliar as nosas actividades de observación a outras zonas de Galicia.
Observar aves sen moverse da casa: unha maneira de observar aves sen deixar pegada e sen custo algún, nin económico nin de esforzo. A través de webcams situadas nos lugares de maior interese ornitolóxico do país; transmiten imaxes en directo a través da páxina web (introduce no buscador webcam aves).
Observación de aves desde un agocho privado: Naturaprop (https://www.naturaprop.com/ca) é unha iniciativa que ofrece dous agochos que se poden alugar por horas e que permiten observar a fauna autóctona da zona sen que as aves se decaten da presenza humana e, polo tanto, sen causarlles molestias.
Aviturismo nas cidades, como por exemplo Ver Aves ( https://www.birdinginspainswildwest.com/inicio) que ofrecen avistamentos de aves urbanas de cidades como Madrid.