Vitamina n

Que é A vitamina N?

Durante toda a historia da especie humana a vitamina N era abundante no noso organismo porque a xente vivía en contacto coa natureza. Pero desde a Revolución Industrial, o auxe das cidades e a desaparición do sistema agrario tradicional a partir dos anos 60 do século pasado, esta vitamina empezou a reducirse provocando que as xeracións actuais presenten un serio déficit que afecta tanto á saúde física como psíquica e o benestar xeral.

Actualmente levamos unha vida sedentaria, soportamos altos niveis de estrés e sufrimos un bombardeo constante de múltiples estímulos. Tanta información recibimos que o noso cerebro é incapaz de procesala debidamente, o que se manifesta en serios problemas de memoria e concentración, tanto en persoas adultas coma crianzas. Apartarnos da natureza enférmanos e só retomando o contacto con ela lograremos recuperar a saúde e o goce de sentirnos plenamente humanos.

Cada vez máis profesionais da saúde receitan vitamina N porque numerosos estudos demostran a súa eficacia. As receitas de natureza, e concretamente a observación de fauna aérea, son fundamentais para recuperar o equilibrio e a saúde. Rodearnos e mergullarnos na natureza axuda a reconectar cos nosos sentidos, sobre todo a vista e o ouvido, porque o principal problema da vida moderna é que esquecemos como utilizalos. Sigamos o consello de J. Burroughs (1837-1921) naturista e ensaísta:

Vitamina N

“Vou á natureza para calmarme e sanarme, e para poñer os meus sentidos en orde”.

Podes observar a fauna aérea en calquera momento e lugar. Aves, morcegos e insectos viven con nós e témolos ao alcance da vista e o ouvido cando paseamos pola rúa, por un parque ou cando miramos pola ventá da nosa casa. Mergullarnos en medios naturais, bosques, ríos, lagos ou prados para observar paxaros, morcegos e insectos ten o beneficio engadido de facer exercicio físico, respirar aire puro e gozar. As visitas guiadas achegan coñecemento e unha relación coa xente en contornas relaxadas que nos afastan do individualismo.

Composición deste medicamento

O principio activo é natureza.
Os demais compoñentes son paseos, visitas guiadas e ciencia cidadá para gozar da fauna aérea.

QuEn pode tomar vitamina N

A vitamina N está indicada para todas as persoas de todas as idades. Crianzas, persoas mozas, adultas e maiores, mulleres embarazadas e lactantes poden utilizar este medicamento.

Se esquece tomar vitamina N

Se esquece tomar vitamina N ou interrompe o tratamento, pode tomar doses dobres para compensar as doses esquecidas.

Advertencias se usa este medicamento

Non presenta efectos adversos agás a posibilidade comprobada de que pode crear adición. Mentres conduce ou camiña teña coidado de non distraerse observando fauna aérea, xa que pode sufrir un accidente (choques, saídas da rúa, caídas ou escordaduras).

Indicacións terapéuticas da vitamina N

A vitamina N está especialmente indicada para aliviar a tensión psíquica, a ansiedade, a tristeza e o nerviosismo, xa que produce unha mellora xeral na saúde das persoas, incrementa a concentración e a memoria, reduce o estrés, combate a depresión e a ansiedade, protexe a vista e mellora a esperanza de vida.
Os profesionais da saúde receitan este medicamento ás persoas que presentan síntomas de ansiedade, tensión, depresión, nerviosismo, axitación e que teñen problemas para durmir. A doses altas, presenta un efecto sedante e relaxante muscular. Algúns pacientes con ansiedade ou nerviosismo poden presentar problemas co seu ritmo cardíaco, respiración e dixestivos. A vitamina N pode axudar a aliviar estes síntomas. Tamén é moi eficaz en caso de trastornos psiquiátricos moderados.

Conservación de vitamina N

Poñer este medicamento ao alcance dos nenos e nenas.
Con altas temperaturas, tome as precaucións adecuadas (calzado cómodo e hidratación).
Este medicamento non caduca.
Os medicamentos non se deben tirar polos sumidoiros nin ao lixo. Deste xeito, axudará a protexer o medio ambiente e á fauna aérea que o habita.

Scroll ao inicio
Logo Fauna Aérea de Santiago
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecercge a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacenase no teu navegador e realiza funcións tales como reconocerche cando volves a nosa web o axudar o noso equipo a comprender qué seccións da web encontras máis interesantes e útiles.