Orixe e Composición da atmosfera
Orixe
A atmosfera terrestre é a capa de gases que rodea o noso planeta, o que comunmente chamamos aire. É un compoñente fundamental que protexe a vida que o habita da radiación solar ultravioleta, controla a temperatura e protéxenos dos meteoritos.
Comezou a formarse hai uns 4.500 millóns de anos a partir da acción da radiación solar sobre a superficie rochosa da Terra primixenia, que empezou a liberar gases; a estes foron sumándose os producidos pola intensa actividade volcánica, e o impacto masivo de meteoritos cargados de xeo do espazo exterior, dando lugar a capas atmosféricas cada vez máis densas e complexas. O impacto masivo de meteoritos achegou tamén pequenas moléculas de auga, que debido ás altas temperaturas fóronse transformando en vapor de auga que se sumaron aos gases primixenios.
Lentamente a Terra, e con ela esta atmosfera primitiva, foi arrefriando e permitindo a condensación do vapor de auga, e o cambio á súa forma líquida. A auga deu lugar á choiva que, caendo durante millóns de anos, orixinará os océanos fai uns 4.300 millóns. Haberá que agardar outros 1.000 millóns de anos para que nas súas profundidades se desenvolva a vida. A ciencia do pasado profundo chama LUCA (Last Universal Common Ancestor) á forma de vida máis ancestral que se coñece, antepasado común de todos os animais, plantas, fungos e bacterias que existen actualmente.
Composición

A atmosfera primitiva estaba formada por vapor de auga, dióxido de carbono, xofre e nitróxeno, pero faltaba un elemento esencial para a vida tal e como a coñecemos na actualidade, o oxíxeno.
Unha vez que aparecen os primeiros organismos vivos, algúns deles -as cianobacterias- foron capaces de realizar a fotosíntese, e así desprender oxíxeno. Durante millóns de anos foise acumulando na atmosfera e transformándoa radicalmente para propiciar, seguindo a evolución, a aparición dos grandes organismos que precisan dese oxíxeno para respirar.
Actualmente, a atmosfera está composta principalmente de nitróxeno (78,08%), oxíxeno (20,95%), argón (0,93%) e dióxido de carbono (0,04%). Como vemos, nitróxeno e oxíxeno supoñen o 99% dos seus compoñentes. Flotando entre estes gases atópanse moléculas de auga en forma de nubes, pole das plantas, po do desgaste de rochas, e solos que o vento levanta e arrastra.
Neste medio aéreo fóronse desenvolvendo co tempo os seres vivos, como poden ser as aves ou os morcegos; máis pequenos, como os insectos; e diminutos, como o aeroplancto.