orixe das aves
Aves. As raíñas da fauna aérea
Orixe e evolución

As aves son criaturas asombrosas que nos rodean por todo o mundo, en todas partes. Son animais vertebrados que se caracterizan por ter ás, plumas, un peteiro córneo sen dentes e poñer ovos con casca dura. Ademais, teñen un metabolismo máis rápido que o dos mamíferos, e a súa temperatura corporal é tamén máis alta. Pero o trazo por excelencia que distingue as aves doutros animais son as plumas que cobren o seu corpo.
Aínda que non todas as aves voan, todas teñen ás. O voo é o seu principal medio de locomoción, estando o seu corpo deseñado para isto, incluso nas que non surcan o ceo como as galiñas, as avestruces e os pingüíns.
A orixe das aves segue sendo un tema de debate entre a comunidade científica, e hai diversas teorías respecto diso.
Segundo algúns estudos, as primeiras aves apareceron hai aproximadamente 150 millóns de anos, durante o período Xurásico (201-145 millóns de anos). Unha das aves máis antigas coñecidas é o Archaeopteryx, xénero extinto de aves primitivas, aparentemente con caracteres intermedios entre os dinosauros emplumados e as aves modernas. Este devanceiro das aves tiña dentes e gadoupas nas ás, o que o relaciona cos dinosauros terópodos. Con todo, as aves modernas, como as que coñecemos hoxe en día, non xurdiron ata hai uns 70 millóns de anos, durante o período Cretáceo(145-66 millóns). Estas aves xa posuían características propias das aves actuais, como a ausencia de dentes e a presenza dun bico córneo.
Recentes estudos xenéticos que comparan os xenomas de aves suxiren que o pavo é a ave máis próxima ao dinosauro, do cal descende.
Características das aves
As aves posúen unha serie de características únicas:
- Plumaxe: os seus corpos están cubertos de plumas, que as protexen da humidade e o frío, ademais de facilitar o voo. A plumaxe pode cambiar con propósitos reprodutivos ou de acordo a cambios estacionais.
- Ósos ocos: o seu esqueleto está formado por ósos lixeiros, duros e case ocos, o que lles permite voar con facilidade. Por exemplo, a aguia calva (un caso extremo de lixeireza do esqueleto) cun peso de 4 kg posúe unha plumaxe duns 600 gramos, namentres todos os ósos sumados non chegan aos 300 gramos.
- Pico e patas adaptadas: empregan o seu peteiro e patas para manipular alimentos e obxectos con gran destreza, e para construír elaborados niños en que crían a súa prole. Peteiros e patas presentan moitas variantes segundo o hábitat e o tipo de alimentación. Por exemplo, un peteiro fino e afiado sinala un insectívoro, mentres que é preciso un peteiro robusto para comer sementes.
- Comunicación: comunícanse mediante sinais visuais e auditivas, como chamadas e cantos.
- O sistema dixestivo das aves conta cun peteiro sen dentes e un bocho para almacenar alimento. Para compensar a falta de dentes contan cunha moella con pedras, inxeridas voluntariamente e chamadas “gastrólitos”, que lles permiten triturar as sementes que comen.
Sentidos

Os sentidos das aves non difiren en gran medida do dos mamíferos, mais o seu sentido de orientación está moi desenvolvido, especialmente nas especies migratorias.
Dependendo da alimentación e do ambiente onde se desenvolven, poden ter unha gran agudeza visual e un ouvido bastante desenvolvido. Tamén poden detectar o campo magnético da terra (cun órgano situado entre o bico e os ollos) e sentir os cambios de presión na atmosfera. A pesar do que se pensaba tradicionalmente, as aves teñen un sentido do olfacto ben desenvolvido. Utilizan o seu olfacto para diversas funcións na súa vida diaria como son alimentación, apareamento ou migración. Un exemplo disto son o ferreiriño azul e o ferreiriño real, que poden detectar as feromonas que emiten as súas presas, axudándolles a localizalas. Tamén captan polo olfato a aquilea fresca, a menta de folla redonda e a lavanda, e utilizan anacos destas plantas nos seus niños para protexer os pitos de parasitos e bacterias patóxenas. Ademais, as aves rapaces usan o seu olfacto para localizar prea a quilómetros de distancia.
Segundo as últimas investigacións sobre o sentido da orientación en aves migratorias e pombas mensaxeiras, este tipo de aves parecen ter un amplo abano de recursos para se orientar en longas distancias. Poderían usar sinais múltiples e superfluos, e mapas mentais distintos a todo canto coñecemos. A súa retícula espacial podería non ser bicoordenada, senón multicoordenada, estratificada cunha mestura aínda misteriosa de pegadas solares, estelares e xeomagnéticas, ondas sonoras e volutas de aromas indicadores, todo perfectamente integrado.
Dicir aves e dicir paxaros, é o mesmo?
A miúdo, confúndense as aves cos paxaros, mais hai unha importante distinción. Todos os paxaros son aves, pero non todas as aves son paxaros; iso si, máis da metade das aves do mundo son paxaros. Parece unha lea, pero ten unha explicación sinxela. Paxaro deriva de “passer” palabra latina que significa pardal. Así que paxaro é toda ave que se parece a un pardal, como poden ser un paporrubio, un xílgaro, unha lavandeira, unha pega ou un corvo que teñen maior similitude co pardal que un pato, un falcón ou unha garza. O seu tamaño adoita ser menor en comparación con outras aves, pero hai excepcións, xa que as pegas e os corvos tamén son considerados paxaros.
O termo ave é o conxunto de todas as especies de vertebrados que posúen plumas e as características antes mencionadas; desde os pequenos e cantareiros merlos ata os maxestosos falcóns, aguias ou alcatraces; tamén son aves as galiñas, avestruces ou pingüíns.