clasificación das aves
Taxonomía, clasificación das aves segundo a súa orde
Taxonomicamente podemos clasificar as aproximadamente 10.000 especies de aves que actualmente existen en función da súa orde,
as máis representativas son:
Orde Passeriformes

Como os canarios, pardais, pimpíns, corvos, pegas, grallas pequenas, choias, cardeais, xílgaros, verderolos, lavandeiras, avións e andoriñas (non así os cirrios, que teñen a súa propia orde), pica das árbores, merlos, carrizas, paporrubios, rabirrubios, chascos, pedreiros concentos, tordos, reiseñores…
Esta orde abarca máis da metade de todas as especies do mundo,con máis de 5.700 especies identificadas. “Passer” nome latino de pardal, ou gorrión, o que vén significar “os que teñen forma de gorrión”. Os paseriformes presentan unha característica disposición dactilar. Teñen catro dedos, tres dirixidos cara a adiante e outro cara a atrás. Esta disposición está perfectamente adaptada para poder aferrarse ás ramas das árbores, cables e ás superficies verticais.
Orde Apodiformes

Os cirros ou birrios. Apodiforme vén do grego “a” (sen), e “podos“( pés). Caracterízanse polo pequeno tamaño das patas, que non lles permiten camiñar como o resto das demais aves. Coñécense 483 especies. Ao principio esta orde incluía os colibrís, ata que se lles creou unha nova orde, aínda que moitos autores non aceptan a separación debido ás similitudes anatómicas cos cirrios.
Orde Piciformes

Inclúe os picapaus ou petos (noutras latitudes os tucanos). Esta orde inclúe 339 especies coñecidas. A maioría son zigodáctilas, isto é: teñen dous dedos diante e dous detrás. A súa capacidade para escavar buracos para o niño é probablemente un factor relevante no seu éxito. Dentro desta orde, os paxaros carpinteiros son os únicos que desenvolveron adaptacións para a escavación de niños, mesmo en árbores duras e vivas; e tamén para o forraxeo na superficie e dentro da cortiza, conseguindo explotar nichos fóra do alcance doutras aves.
Orde Columbiformes

As pombas e as rulas. A orde columbiforme ten 322 especies vivas e 12 extintas en tempos históricos, como os dodos (Raphus cucullatus). Este grupo foi bautizado polo nome latino da pomba, columba, polo que o seu nome significa “os que teñen forma de pomba”.
Orde CHARADIFORMES OU CARADRIFORMES

No que se inclúen as gaivotas e avefrías. Coñécense 351 especies distribuídas por todo o mundo nunha ampla variedade de hábitats. O nome desta orde parece provir do grego. Son aves acuáticas que van dun tamaño pequeno a mediano ou grande. De alimentación variada como correspondería a un grupo con tanta diversidade, unhas especies son totalmente omnívoras, como a gaivota, non especialista no eido da comida, ata as que se alimentan de pequenos invertebrados, crustáceos e moluscos, como as limícolas.
Orde Galliformes ou gallináceas

As galiñas, pavos domésticos, pavos reais, perdices, paspallás. Esta orde conta con 283 especies e foi bautizado co nome latino gallus que vén significar “os que teñen forma de galos”. Son principalmente terrestres, de peteiros e patas fortes, e adoitan ser malas voadoras, limitándose a pairos curtos e de escasa elevación.
Orde Anseriforme

Inclúen patos, gansos e cisnes. Este grupo comprende 162 especies e foi bautizado co nome latino do ganso, anser, polo que o nome significa “os que teñen forma de ganso”. Todas as súas especies están moi adaptadas ao medio acuático de superficie e son boas nadadoras.
Orde Falconiformes

Os falcóns, lagarteiros, voitres, esmerillóns, gabiáns, azores e as aguias. Esta orde agrupa 309 especies de aves de presa coñecidas como rapaces diúrnas. As rapaces nocturnas inclúense na orde das strigiformes (bufos e curuxas). O grupo utilizou a palabra latina “falco” para a súa designación polo que significa “os que teñen forma de falcón”. Son aves caracteristicamente carnívoras,outras aliméntanse de prea, como os voitres. Case todas crían durante a primavera e adoitan ser monógamas e colaboran ambos os sexos na construción do niño.
Ciconiiformes

Inclúe máis de 60 especies comunmente coñecidas como garzas. Son aves zancudas de pico amarelo e longas patas grises, de plumaxe xeralmente branca, aínda que pode variar segundo a estación do ano. O seu hábitat son as zonas pantanosas, ríos e lagoas. Aniñan en altas árbores onde fan niños bastos, practicamente planos. Están consideradas entre as aves máis abundantes do mundo, só superadas polas paseriformes. Considéranse eficaces controladoras de especies invasoras, como coa troita arco da vella.
Algunhas outras ordes de aves importantes son as psittaciformes ou psitácidas (papagaios), casuariiformes (casuario, só viven en Nova Guinea), gruiformes (grous), suliformes (mascatos, corvos mariños, rabiforcados), procellariiformes (pardelas, albatros ou paíños), cuculiformes (cucos, correcamiños).