estrutura: capas da atmosfera

As cinco capas da atmosfera conforman unha estrutura organizada en función da temperatura. Entre cada capa existen zonas de transición que se denominan mesocapas. Desde a superficie terrestre ata o espazo exterior topamos con:

Capas da atmosfera estrutura

Troposfera. É a máis superficial e fina das capas da atmosfera. Elévase até aproximadamente 10-12 quilómetros de altura, pero non é uniforme; pode ter 9 km nos polos e 18 km no ecuador. Supón un estreito manto de apenas o 2% do total da atmosfera pero contén o 75% de toda a masa atmosférica; é o aire onde se concentra a maior parte da vida do planeta. Na troposfera ocorren a maioría dos fenómenos meteorolóxicos: choiva, vento, furacáns, ondas de calor e frío… como resultado da presión, a temperatura e as diferenzas de humidade provocados pola radiación solar. A temperatura na troposfera vai diminuíndo ata chegar aos-70° do seu límite superior. A tropopausa é a mesocapa que separa a troposfera e a seguinte capa, a estratosfera. Na tropopausa a temperatura é constante e practicamente carece de nubes e vento. Así como case todos os voos de avións se dan na troposfera, onde os fenómenos meteorolóxicos son máis acusados, os voos transoceánicos elevan a súa altura até este espazo intermedio, onde poden evitar a resistencia do aire, consomen menos combustible e poden evitar ás aves. Debido aos gases de efecto invernadoiro a troposfera estase a expandir, obrigando aos avións a voar a maior altura.

Estratosfera. A estratosfera está por riba da troposfera e ten un espesor duns 30km. Aínda que a posibilidade de vida é escasa nela, porén atopáronse formas microscópicas adaptadas ás súas condicións extremas, como microorganismos aerobios e bacterias. Mais a súa presenza nestas alturas non adoita ter uns motivos normais, senón que estes seres chegan alí a través de erupcións volcánicas, probas nucleares ou tormentas de area. A súa temperatura, ao contrario que na troposfera, aumenta coa altitude debido á presenza da capa de ozono. Si, aquí atópase a famosa capa de ozono, o escudo que nos protexe dos raios ultravioleta solares e que resulta fundamental para o mantemento da vida. A capa de ozono viuse gravemente afectada polo uso de compostos químicos que ameazaron con destruíla. As substancias que esgotan o ozono (SAO), amplamente utilizadas na climatización, electrónica, extinción de incendios, aerosois, medicamentos e produtos de fumigación agrícola, provocaron un burato do tamaño dun continente na Antártida, descuberto na década de 1980. Posteriormente descubríronse outros dous máis pequenos: un sobre o Ártico e outro sobre o Tíbet. Estes buratos, grazas á prohibición dos gases causantes da súa aparición (Protocolo de Montreal de 1987), estanse pechando pouco a pouco, e estímase que en 2060 o problema estará solucionado. Pero non hai que cantar vitoria, porque aínda se empregan gases en sistemas de refrixeración, como o óxido nitroso entre outros, que non benefician precisamente á capa de ozono; como tampouco a benefician o cambio climático e os contaminantes que chegan á estratosfera, repercutindo no seu esgotamento e recuperación.

Mesosfera. Situada entre os 50 e 85 quilómetros de altura ten uns 35 km de espesor, ten unha presión atmosférica moi baixa, e é a máis fría das capas da atmosfera. Aquí a vida tal e como a coñecemos é practicamente inexistente. Nesta capa danse fenómenos como as estrelas fugaces ou os meteoritos, que se desintegran ao entrar na atmosfera. Ademais aquí podemos atopar as nubes máis altas da atmosfera, tamén chamadas noctilucentes. Trátase de nubes brillantes visibles ao final do crepúsculo, compostas de cristais de xeo e localizadas a unha altitude aproximada de 75-85 km. Aínda non se comprenden de todo, porque foron descubertas hai pouco tempo, pero parece que van aumentando en frecuencia, brillo e extensión. Algunhas probas recentes indican que algunhas nubes noctilucentes son resultado da auga expulsada polos transbordadores espaciais. A mesosfera é a capa máis alta da atmosfera na que os gases están todos mesturados, en vez de estar estratificados pola súa masa. A mesopausa é a capa intermedia que separa a mesosfera da termosfera, situada a uns 90 km de altitude e na que se dan as temperaturas máis baixas de toda a atmosfera, uns -80°.

Scroll ao inicio
Logo Fauna Aérea de Santiago
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecercge a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacenase no teu navegador e realiza funcións tales como reconocerche cando volves a nosa web o axudar o noso equipo a comprender qué seccións da web encontras máis interesantes e útiles.