aves en perigo
Neste apartado analizamos as causas, non naturais, polas que morren as aves en España. Os modelos matemáticos aplicados estiman que o número de aves mortas debidas á actividade humana está nunha ampla pinza que vai de 25 a 100 millóns de exemplares ao ano. Segundo o informe de SeoBirdLife que detallamos a continuación, son precisamente as especies protexidas e ameazadas as que maioritariamente ingresan nos Centros de Recuperación de Fauna (CRF), e un 22,66% dos rexistros corresponden a 77 especies que están incluídas nas categorías de maior risco de extinción do Libro Vermello das Aves de España. Para analizar os perigos aos que se enfronta a fauna aérea, especialmente as aves, basearémonos no informe realizado pola Sociedade Española de Ornitoloxía (SeoBirdLife) que analiza os rexistros de 272.655 ingresos de aves (mortas ou feridas) en CRF de todas as comunidades autónomas entre 2000 e 2018, ingresos debidos a actividades humanas legais e ilegais. No informe recóllese que nos CRF de Galicia ingresaron 10.572 aves (6,25% do total), o que a sitúa no sétimo lugar de 17 comunidades, en número de ingresos. Os datos que achegan os ingresos son só unha parte do total de aves. Hai que ter en conta que os exemplares feridos teñen máis probabilidades de chegar aos CRF que os mortos, tamén é moi posible que as aves grandes, máis visibles entre outras cousas, poidan estar sobrerrepresentadas sobre as pequenas que ademais desaparecen antes.
as causas
As causas da mortalidade e accidentalidade de aves que figuran no informe son múltiples e variadas: velenos e intoxicación, captura ilegal, colisións (con tendido eléctrico, aeroxeradores, valados, cristaleiras…), electrocucións, atropelos (liñas eléctricas, trens, avións, coches, autobuses, camións, maquinaria agrícola…), atrapamentos en edificios, enganchamentos en obxectos, contaminación da plumaxe, afogamentos e atrapamentos en puntos de auga, contaminación luminosa.
as cifras
Por orde de prevalencia, a colisión con liñas eléctricas aparece como a principal causa de ingreso nos CRF, con preto dun 40% do total. A segunda causa é a captura ilegal que inclúe o espolio de niños e o mantemento de exemplares en catividade, esta causa supón o 20% aproximadamente. Outras causas significativas son a electrocución e o atropelo, ambas as dúas cun 8%, seguidas dos envelenamentos e intoxicacións ou disparos ilegais con máis dun 3% cada unha. A mortalidade por electrocución podería reducirse de forma drástica se as compañías eléctricas se ocupasen das reparacións.
O informe reporta case un 5% de mortes ligadas a choques con aeroxeradores. Supón un crecemento do 230% en só dez anos, pero os autores advirten que a cifra pode ser sensiblemente maior xa que non contaron cos datos dos plans de vixilancia das plantas eólicas. Este é un dato moi preocupante dada a gran cantidade de instalacións eólicas, terrestres e mariñas, que está previsto implantar en Galicia nos próximos anos.
O 64,82% das especies afectadas figuran na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE) e o 6,78% están incluídas no Catálogo Español de Especies Ameazadas (CEEA). A literatura científica estima en millóns a mortalidade de aves e morcegos asociados a aeroxeradores situados en zonas de paso de avifauna e quirópteros.
Os datos recollidos dos CRF responden a aves mortas ou feridas que atopan particulares ou autoridades que traballan no campo (SEPRONA e axentes forestais e do medio ambiente das distintas comunidades autónomas), aplican estes datos a modelos matemáticos, que permite realizar unha estimación máis realista de aves mortas ou feridas por causas non naturais en España. O modelo ofrece unha pinza ampla que oscila entre os 25 e os 100 millóns de exemplares mortos ao ano por causas debidas á actividade humana.
Podes consultar os documentos anteriores aquí: Informe e Libro Vermello das Aves de España 2021 .
