do temor ao amor

Miles de persoas xúntanse na Ponte da Avenida do Congreso en Austin (Texas, EE.UU.) para presenciar un gran espectáculo. Cando cae a tardiña, máis dun millón de morcegos guaneros ou de cola libre (Tadarida brasiliensis) emerxen en nubes vivas desde as vigas da ponte, e desde aí voan cada noite a campos agrícolas próximos para alimentarse. Calcúlase que un millón destes morcegos consome 10 toneladas de insectos cada noite, a maioría dos cales son pragas para os cultivos agrícolas como o millo e o algodón fundamentais na agricultura de Texas. Un estudo calculou o valor económico da supresión de pragas achegada polos morcegos de cola libre en 700.000 millóns de dólares anuais.
Por que elixiron esa ponte? Cando os enxeñeiros cambiaron a Ponte da Avenida do Congreso en 1980 elixiron un modelo de trabe na base moi idónea para acoller as colonias de morcego de cola libre. Cando os morcegos chegaron á ponte nos anos 80 a xente temía que fosen causar problemas, pero grazas ao labor de concienciación e sensibilización da Asociación Bat Conservation International os habitantes de Austin foron capaces de apreciar o valor dos morcegos para Texas, converténdose, ademais, en valiosos aliados para os quirópteros; cada vez que se discute un plan para algunha obra na ponte, as autoridades reciben chamadas da xente que quere asegurarse de que os morcegos non sairán prexudicados. Hoxe Austin ten estatuas de morcegos e todo un Batfest de música e xantar. A comunidade de Austin ama os seus morcegos e está comprometida en asegurar que sigan na cidade.
” Conservaremos só o que amamos, amaremos só o que comprendamos e comprenderemos só o que nos ensinen.”
( Discurso Ensinar, entender, amar e conservar pronunciado por Baba Dioum – ambientalista senegalés- na Unión Internacional para a Conservación da Natureza, 1968 )




