Insectos, os grandes polinizadores
A polinización é fundamental para que as plantas con flor produzan sementes e froitos cos que crear novos fillos.
A palabra pole (do latín pollen, po moi fino) nomea os grans, máis ou menos microscópicos, que producen as plantas con sementes (espermatófitas), onde cada un destes grans contén unha célula sexual masculina (microgametófito).
No curso da evolución as plantas foron desenvolvendo diferentes sistemas de reprodución. Por unha banda, temos a autopolinización, na que a transferencia de pole lévase a cabo na mesma planta (polo que non necesitan polinizadores), cuxa flor contén órganos reprodutores femininos e masculinos.
Este tipo de polinización presenta menor diversidade xenética, xa que non hai intercambio de xenes con outros individuos. Pola contra, a polinización cruzada (que implica dúas plantas) ofrece máis vantaxes: favorece a mestura de xenes, para contribuír a unha maior diversidade xenética, mellora a resistencia ás enfermidades e facilita unha maior variabilidade e adaptación á contorna.

Entre os mecanismos de polinización cruzada atópanse: o aire (polinización anemófila), a auga (polinización hidrógama) que se dá sobre todo en plantas acuáticas e, por último, o mellor mecanismo, a polinización zoógama que implica os animais para o transporte do pole. E dicimos que é o mellor porque o desperdicio de pole é moito menor.
Neste caso son os insectos, con diferenza, os preferidos das plantas.
Esta relación entre plantas e insectos, que xurdiu hai uns 140 millóns de anos, determinou un mecanismo de coevolución moi singular.
A planta necesita atraer os insectos ás súas flores para que se cubran de grans de pole, e transportalos a outras plantas facilitando o proceso da fecundación. Entre os mecanismos que utilizan as plantas para atraer os polinizadores destacan os aromas, as cores e o saboroso néctar.
Os insectos contribúen á reprodución de aproximadamente o 90% das especies das plantas silvestres do mundo. En Europa, o 84% dos cultivos e máis de 4.000 variedades vexetais, dependen da polinización animal; especialmente, da que realizan as abellas.

Unha colonia de abellas pode polinizar ao redor de 3.000.000 millóns de flores nun día. Para facernos unha idea, fan falta máis de 20 persoas para polinizar un pequeno horto de froiteiras. Os agricultores teñen clara a importancia da polinización animal, por iso xa existe un mercado ben desenvolto en EE.UU. e Europa de alugueiro de colmeas domésticas e de abellóns, o que nos indica que algo grave está a pasar cos polinizadores silvestres.
Os principais insectos polinizadores son abellas, abellóns, avespas, bolboretas, avelaíñas, moscas e escaravellos. Flores e insectos están dalgunha forma especializados. Por exemplo, as longas probóscides das bolboretas permítenlles acceder ao néctar que se atopa en partes profundas da flor, partes ás que un escaravello non pode chegar.Tamén hai preferencias en canto á forma e cor das flores. As abellas prefiren as flores brancas, amarelas e azuis; e as cores rechamantes e brillantes, incluíndo o vermello, amarelo e morado adoitan atraer ás bolboretas. O polinizador pode lembrar aquelas flores que lle ofrecen maior recompensa (néctar, pole, tecidos florais, aceites, resinas…) e así voltar a elas unha e outra vez.
