choiva de arañas en santiago

O día 24 de outubro de 1959, El Correo Gallego informaba dun acontecemento singular que se observara en Santiago de Compostela, ao que o titular da noticia se refería como “Choiva de seda” sobre Santiago. A tarde dese sábado 24 de outubro foi interrompida pola aparición duns finísimos fíos de intenso fulgor metálico, semellantes ás teas de araña, que cubriron rapidamente os tellados, tendidos eléctricos, cornixas e balcóns da cidade, incluso a fonte das Praterías aparecía tecida “coma se nela aniñasen moitas e xigantescas arañas”. Este estraño fenómeno “chamou a atención de toda a veciñanza, que formaba grupos en rúas e prazas. Naturalmente, o enxeño da xente comezou a manifestarse con variadas e pintorescas hipóteses, algunhas das cales non reparaban en alturas e atribuíano a algunha descomposición provocada na lúa polos satélites artificiais”. A noticia segue máis adiante: “Houbo momentos nos que, nunha rúa, todos os transeúntes ficaban quedos mirando o ceo. Coma contraste do acontecido onte, diremos que o día estivo radiante de sol e limpo de nubes. A temperatura foi propia do verán. Por outra banda, non se notaba a menor influencia da brisa”.

choiva de arañas


Continúa a crónica: “Para completar a información que ofrecemos aos nosos lectores diremos tamén que na vía pública foron esmagadas algunhas arañas de pequeno tamaño. Unha persoa versada en cuestións meteorolóxicas díxonos: Pode ser que pola calor do día se produciseun ascenso do aire quente, que arrastrou animais de pouco peso, das chamadas ‘arañas voadoras’, formigas aladas de pequeno tamaño, pulgóns alados e algún coleóptero do tamaño da cabeza dun alfinete, que cando atopan aire frío, descenden á terra. Isto -engadiu- foi unha especie de choiva de seres diminutos”. Ese mesmo día, o diario La Noche, foi desvelando a posible orixe e causa do devandito acontecemento. Di o artigo “en orde á ciencia” como información aclaratoria: “O que en Santiago parecía caer do ceo foi esencialmente seda […] O quecemento da terra durante toda a mañá do venres foi forte. Os remuíños convencionais ou de elevación de aire foron moi intensos. A alta humidade facía que as afamadas arañas aeronautas aproveitasen para lanzar ao espazo os seus cabos de seda, cos consabidos embrollos e flocos, que contribuíron aínda máis á misión de asegurar o seu ascenso coa corrente de aire quente, que sobe como dentro das chemineas”.

Artigo de prensa coa solución á choiva de seda en Santiago

Segundo continúa o xornal, parece que estudosos da Universidade tomaron mostras do fenómeno atopando “nesta nube emigrante viva” e “colonia suspendida” como a denominan, abundantes formigas aladas, pulgóns alados, estafilínidos, microheminópteros como os afélininos e calcídidos, e un pequeno coleóptero de gran parecido coas calandras. O que observaron sorprendidos os composteláns naquela tarde do 24 de outubro de 1959, inusualmente calorosa, foi unha choiva de arañas, un fenómeno sumamente raro por estas latitudes.  As arañas caracterízanse pola súa versatilidade e a súa incríbel capacidade de supervivencia. O mesmo Charles Darwin, por exemplo, mostrábase fascinado pola capacidade das arañas para voar mesmo en días sen vento, propulsadas por unha vela ou paracaídas constituído por un fío de seda. Un estudo publicado recentemente por biólogos da Universidade de Bristol (Reino Unido) en Current Biology, parece ter descuberto un dos trucos que lles permiten ás arañas voar dunha forma tan soberbia. A conclusión é que as arañas son auténticas navegantes da electricidade do aire; cando alcanza certos niveis, detéctana grazas a uns pelos das patas. E se queren voar, erguen o abdome, «póñense no bico dos pés» e liberan un fío de seda para deixarse levar pola electricidade atmosférica. Utilizan estes fíos de seda como paracaídas, que ao ser arrastrados polo vento permítelles viaxar grandes distancias nas súas periódicas migracións.

Por isto, puidéronse ver arañas ata a 1.600 quilómetros de distancia da súa orixe, ou cubrindo globos atmosféricos a unha altura de 5.000 metros sobre o nivel do mar. Estes paracaídas poden unirse formando unha masa de grosas capas, que lles serve tanto para viaxar como para instalarse cando chegan ao seu destino. “As arañas poden viaxar quilómetros, razón pola que cada continente ten arañas; mesmo na Antártida, onde chegan e morren”, explicou Martyn Robinson, naturalista do Museo de Australia ao Sydney Morning Herald. «Este é o motivo polo que os primeiros animais que chegan ás novas illas creadas pola actividade volcánica son arañas. Podes atopar campos e árbores cubertos por esta tea de araña, que algúns chaman «cabelo de anxo». O sucedido en Santiago en outubro de 1959 é un fenómeno inusual e extraordinario, tanto aquí como en Europa. As choivas de arañas adoitan ser bastante habituais en Australia e América do Sur, sobre todo en Brasil, onde se dan todos os factores favorables: calor, fortes ventos e humidade.

Teas De Arana
Scroll ao inicio
Logo Fauna Aérea de Santiago
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecercge a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacenase no teu navegador e realiza funcións tales como reconocerche cando volves a nosa web o axudar o noso equipo a comprender qué seccións da web encontras máis interesantes e útiles.