superpoderes dOS MORCEGOS

Unha das formas máis significativas da evolución dos morcegos, vén da forma en que se orientan e cazan. A pesar do mito popular, os morcegos non son cegos, senón que teñen un súper sentido: a ecolocalización. A ecolocalización é unha forma peculiar de percibir a contorna, facendo rebotar sons de alta frecuencia e receptando estes ecos. Este sonar natural é tan sofisticado que algúns morcegos poden detectar algo tan pequeno como a anchura dun cabelo humano, ou recoñecer diferenzas de retardo nos ecos de menos dun microsegundo. Os sons de ecolocalización emítenos pola boca desde a larinxe, e a maioría son tan agudos (ata 140 decibeis) como un motor a reacción a 30 m de distancia. No fociño teñen unha estrutura chamada “nariz foliar”, que actúa como antena parabólica, e por suposto, as áreas do cerebro responsables da ecolocalización son extremadamente grandes. Ademais da navegación e a caza, este súper poder desempeña un papel importante na comunicación entre morcegos. A ecolocalización non é exclusiva dos morcegos, pois tamén a utilizan baleas, golfiños, e algunhas aves nocturnas como cirrios, musarañas e outros.

As técnicas de voo dos morcegos son únicas na natureza. A diferenza das ás das aves ou os insectos, as dos morcegos poden encartarse durante o voo de moitas maneiras, de forma similar a como unha man humana pode pecharse de diferentes formas. As súas ás parecen mans humanas modificadas, con “dedos” alongados unidos por unha membrana de pel flexible, e repletas de vasos sanguíneos, nervios e tendóns; sostidas por músculos especiais que fan que o seu voo sexa eficiente e áxil. Entre todos os voadores, aves e insectos, os morcegos teñen o récord de voo autónomo máis rápido xamais rexistrado; pertence a un humilde morcego mexicano de cola libre de 10g de peso, que un grupo de investigadores do suroeste de Texas observaron alcanzando os 160 quilómetros por hora. O falcón peregrino pode alcanzar velocidades de 320km/h en picado, pero en voo horizontal, só chega a entre 65 e 95 km/h.

Os morcegos rompen as regras. Polo xeral, os animais máis pequenos viven menos que os grandes. Mais os morcegos son os mamíferos máis lonxevos en relación ao seu tamaño corporal. O morcego máis vello de que se ten constancia é un diminuto morcego de Brandt (Myotis Brandtii), en Rusia, que pesaba menos de 7 gramos e que viviu polo menos 47 anos. A ciencia está a buscar unha explicación no estudo dos telómeros, unhas estruturas protectoras que se atopan nos extremos dos cromosomas. Na maioría dos animais os telómeros tenden a acurtarse coa idade, pero no grupo dos morcegos máis lonxevo, o xénero chamado Myotis, non parecen facelo. Parece que tamén son capaces de reparar o ADN danado para non ter cancro.