mORCEGOS EN PERIGO

Ao longo de 50 millóns de anos de evolución os morcegos atoparon solucións enxeñosas aos retos da vida, como un sistema visual de sonar para navegar polo aire na busca de presas, ata unhas ás co voo horizontal máis rápido de calquera animal da Terra. As máis de 1.400 especies de morcegos que se coñecen, habitan en todos os lugares do planeta, excepto na Antártida e algunhas illas remotas.
Os morcegos adoitan ter mala reputación xa sexa pola imaxe que transmitiron libros e películas de vampiros ou polo medo a que transmitan virus, pero estas ideas están baseadas máis na ficción que na realidade, son ideas erróneas que ocultan a súa importancia e os beneficios que nos achegan.
Os quirópteros son animais moi resilientes, porque contan cunha serie de adaptacións que os fan moi resistentes á hora de sobrevivir en contornas difíciles. Aínda así, un 25% dos morcegos considéranse ameazados pola Unión Internacional de Conservación da Natureza, máis de 240 especies.
As principais ameazas que os afectan son: parques eólicos, primeira causa de mortalidade dos morcegos. Segundo a web Morcegos de Galicia , da Asociación Drosera para o estudo e conservación dos quirópteros, os parques eólicos convertéronse na primeira causa da mortalidade dos morcegos a nivel mundial. O número de incidencias é superior á das aves, estimándose que en España morren entre 50.000 e 250.000 morcegos anualmente por esa causa.
Estudos máis recentes sitúan os valores de mortalidade media anual de morcegos en Europa entre 6 e 14 morcegos/MW de potencia instalada. Aplicando os valores medios aos 27.446 MW instalados en España (AEE, 2021) e os 3.922 MW en
Galicia (EGA,2021) a mortalidade anual oscilaría entre 164.676 e 384.244 morcegos para España e entre 23.532 y 54.908 para Galicia.
Desde Morcegos de Galicia, traballan na revisión de estudos de impacto ambiental dos numerosos parques eólicos que se están a tramitar na actualidade en Galicia e que son a todas luces defectuosos, ofrecendo información sobre contidos e alegacións para calquera persoa ou colectivo.
Ademais da ameaza dos eólicos, hai outros factores que afectan á supervivencia dos quirópteros que tamén son debidos á acción do home, como:
- Alteración de hábitats naturais, como os monocultivos intensivos, os monocultivos forestais e a deforestación que lles supón a perda de lugares de refuxio, alimentación e reprodución.
- Actos vandálicos e molestias en refuxios, especialmente na época de cría e hibernación. Estas actuacións poden acabar coas colonias ou cos seus refuxios. A perturbación humana nos seus refuxios pode ser especialmente prexudicial durante a hibernación, xa que as súas reservas de graxas son usadas para pasar o inverno e se espertan neste período teñen poucas probabilidades de recuperación.
- Perda de refuxios por restauración de edificios, realización de obras en covas ou corta de árbores ocos e eliminación completa de colonias dentro de edificios, o típico exterminio e desaloxo.
- Morte por intoxicación debida a pesticidas e praguicidas, sobre todo se estes tratamentos realízanse onde crían ou pola inxestión de insectos afectados por agroquímicos.
- Síndrome de nariz branca, enfermidade causada polo fungo Pseudogymnoascus destructans que se considera responsable da morte de entre 5-6 millóns de morcegos en Norteamérica. O fungo está presente en Europa e de forma natural infecta os morcegos pero non causa mortalidade, as razóns polas que o fungo non é mortal poden ser de dous tipos, ou ben as cepas europeas carecen dalgún factor xenético de patoloxía descoñecido que si posúe a americana, ou ben as poboacións europeas foron adquirindo algún factor de inmunidade ou tolerancia a ese patóxeno.