distribución do aeroplancto
Os límites da distribución do aeroplancto na atmosfera
Non son moi coñecidos os límites de distribución do aeroplancto. Ao microbiólogo ruso Alexander A. Imshenetsky debémoslle os avances máis sorprendentes nesta cuestión. Tomando todo tipo de precaucións para evitar a contaminación das probas, enviou foguetes meteorolóxicos debidamente equipados á mesosfera; esta zona ten temperaturas que se achegan aos -100ºC, eventos ionizadores de gases, un intenso bombardeo de radiación ultravioleta (UV) e desintegración de meteoritos. Imshenetsky atopou microorganismos na mesosfera, desde os 48 ata o 77 km de altura, establecendo un récord para o rexistro altitudinal da vida. Identificaron dúas especies de bacterias (Micrococcus albus e Mycobacterium luteum) e catro fungos (Circinella muscae, Aspergillus niger, Penicillium notatum e Papulaspora anomala). Resulta que as especies identificadas son moi habituais na nosa vida diaria, e algún é o responsable da podremia de froitas e verduras.




Nun traballo realizado en Francia, en que ‘secuestraron nubes‘, atopáronse uns poucos xéneros bacterianos xa coñecidos para o resto da humanidade: Micrococcus, Bacillus, Streptomyces, Flavobacterium entre outros. Estudos con técnicas moleculares revelaron que eses organismos representan só o 1% da biodiversidade aérea. Noutros traballos domina o xénero bacteriano Pseudomonas. Curiosamente algúns dos xenomas localizados eran moi semellantes aos de bacterias que se atopan na Antártida e en glaciares localizados a altitude elevada .
Noutro estudo da Universidade de Granada estudáronse os microorganismos capaces de prosperar nas condicións climatolóxicas extremas de Serra Nevada. Segundo Isabel Reche, catedrática de Ecoloxía: “Están afeitos a estas baixas temperaturas e teñen todo un metabolismo asociado para poder desconxelar a auga da neve e poder crecer en ela”, explica a ecóloga, da mesma forma poden soportar as baixas temperaturas das altas capas de troposfera e mesosfera.
En resumo, a atmosfera está moito máis viva do que podiamos imaxinar, e estas formas de vida desempeñan un papel importante no propio ciclo da auga.