ESPECIES INVASORAS
Propagación de Especies Invasoras
A introdución de especies invasoras, deliberada ou accidentalmente, ten impactos devastadores nos ecosistemas nativos e a fauna asociada. Exemplos de insectos invasores son: o escaravello vermello (Rhynchopherus ferrugineus), coleóptero que arrasou con practicamente todas as palmeiras canarias de Galicia, que chegou a España nunha importación exprés de palmeiras procedentes de Asia destinadas a cubrir as necesidades das novas urbanizacións do Mediterráneo.
Tamén, a avespa asiática (Vespa velutina) que en poucos anos logrou expandirse por Galicia supoñendo unha moi grave ameaza para as abellas autóctonas, das que é un depredador voraz. Tamén cabe mencionar a eiruga asiática do buxo (Cydalima perspectalis) ou a couza guatemalteca (Tecia solanivora) introducida en 2015 e que limita seriamente o cultivo da pataca en moitas zonas de Galicia.
A formiga arxentina (Linepithema humile) que se estableceu cunha super colonia que ocupa practicamente todo o litoral ibérico, dando lugar ao desprazamento das especies nativas, incluídas as especies dispersoras de sementes, o que provoca cambios tamén no establecemento de plantas nativas.
Tamén hai constancia da aparición (na provincia de Pontevedra, sobre todo) do mosquito tigre (Aedes albopictus), díptero de gran plasticidade ecolóxica, que lle permite aproveitar hábitats urbanos utilizando para facer as súas postas: floreiros de cemiterios, macetas con auga, latas baleiras ou pneumáticos abandonados. Precisamente o comercio internacional de pneumáticos resulta fundamental para a introdución de especies como esta, e os grandes depósitos de pneumáticos usados, abandonados á intemperie, ofrecen un hábitat protexido para a posta e desenvolvemento das súas larvas. O mosquito tigre representa un grave problema sanitario xa que a súa picadura pode causar fortes reaccións alérxicas e é un vector importante para a transmisión da febre amarela e outros arbovirus como o dengue, zika e encefalites.
Respecto ás aves hai evidencias contraditorias sobre que constitúan unha ameaza global para as especies autóctonas, en calquera caso, os maiores riscos están relacionados coa posibilidade de hibridación. De todos os xeitos, en Galicia as aves invasoras representan un problema menor.

