O medio da fauna aérea
explorando o reino celeste

O aire é un reino fascinante e dinámico que alberga unha sorprendente diversidade de vida. Non se trata dun simple espazo baleiro; esta amálgama de gases é fogar dunha ampla variedade de criaturas, desde as maxestosas aves ata diminutos microorganismos. Este medio non só proporciona un substrato físico para a fauna aérea, senón que tamén sustenta a vida en constante movemento. As aves e morcegos sucan os ceos con graza e liberdade, mentres os insectos danzan case invisibles nas correntes de aire diante das nosas caras. Máis aló destas criaturas evidentes, o aire alberga un universo microscópico, que inclúe bacterias, esporas fungosas e outros microorganismos.
Recoñecer a importancia do aire como un medio vital convídanos a apreciar a marabilla da vida que habita nas alturas e a comprometernos co seu coidado e preservación.
aves
mestras do voo
As aves son verdadeiras mestras do voo, personificando a liberdade e a graza nos ceos. Desde os poderosos albatros que planean sobre vastos océanos ata os diminutos colibrís que zoan entre as flores, estas criaturas evolucionaron cunha ampla gama de adaptacións que lles permitiron conquistar os ceos.
A avifauna sorprende pola cantidade de calidades que revelan a súa asombrosa diversidade. Por exemplo, a que altura poden voar? O récord de altura de voo das aves osténtao un voitre, o moteado, o voitre de Rupell (Gyps ruepelli), que impactou cun avión que sobrevoaba Costa de Marfil a 11.300 metros de altitude o 29 de novembro de 1973. Este voitre e tamén o ganso indio, a grúa común e o cisne cantor poden voar a máis de 8.000 metros de altura. Aguias, outros voitres e falcóns poden facelo entre os 6.000 e os 7.600 metros. Parrulos, gansos e o cóndor andino chegan a entre 4.500 e 7.600 metros dependendo das especies. Mentres que paporrubios e corvos non sobrepasan os 1.500 metros . E cirrios e andoriñas voan entre 300 e 1.200 metros de altura. E falando de marcas, o falcón peregrino é a ave máis veloz do mundo, alcanzando en picada os 320km/h.
As migracións de aves son particularmente asombrosas, como a do carrán ártico (Sterna paradisaea), que cobre distancias de ata 30.000 quilómetros nunha soa viaxe sen escalas, dúas veces ó ano, enfrontando obstáculos como o mal tempo e a depredación.
En Galicia non destacan as aves rapaces ou de montaña abundantes noutras zonas da península; porén aquí poden observarse ata 700 especies diferentes de aves, sumando sedentarias, invernantes ou veraneantes (procedentes de África ou Europa); e tamén as raras, visitantes excepcionais que poden chegar envoltas en borrascas ou tormentas. Este é posiblemente o caso do tordo de Swainson (Catharus ustulatus) que só habita nos bosques de Alaska, Canadá e Estados Unidos e hiberna en Centro América e América do Sur. Foi avistado na cidade da Coruña en maio de 2024 e podería ser a primeira vez que é visto en Europa, posiblemente desviado da súa migración polas fortes tormentas que cruzan o Atlántico. En Galicia si destacan as aves mariñas, abundantes en toda a costa, nas rías e nas numerosas lagoas e zonas húmidas repartidas por todo o noso territorio. No concello de Santiago, podemos observar unhas 120 especies diferentes.
En canto aos sons, o canto do reiseñor común, cun repertorio de ata 200 melodías distintas, exemplifica a complexidade da comunicación aviaria.
insectos
os pequenos pilotos do aire
Pese a que a miúdo pasan desapercibidos, o papel dos insectos é fundamental para manter o equilibrio dos ecosistemas. As libélulas que patrullan os estanques, os mosquitos que pican nas noites de verán, as laboriosas abellas, ou as “molestas” moscas… desafían a gravidade coas súas febles ás e os seus corpos lixeiros, enchendo o aire co seu funguido constante namentres realizan as súas tarefas vitais de polinización e descomposición.
Os insectos son certamente asombrosos na súa diversidade e proceder. Algúns, como os escaravellos do esterco, álzanse a insospeitadas alturas na procura de novas oportunidades de alimentación e reprodución, empregando a Vía Láctea como guía para orientarse durante os seus desprazamentos nocturnos, detectando a polarización da luz emitida pola galaxia, o que lles permite manter un rumbo constante mesmo na escuridade.
As bolboretas monarca (Danaus plexippus) son famosas pola súa épica migración de entre 2.000 e 4.500 quilómetros desde Canadá e os Estados Unidos ata México, aproveitando as correntes de aire cálido en busca de bosques tépedos, pero se isto é asombroso, máis o é que sexa unha migración só de ida, xa que son as crías nacidas desta migración as que retornan ao norte. Como son capaces de desfacer o camiño se nunca o fixeron? Outros insectos como as termitas aladas forman enxames masivos que se elevan por centos de metros no aire, creando espectáculos impresionantes no ceo.
Son pequenos e liviáns pero os seus números son tales que a súa biomasa é maior que a dalgúns vertebrados migratorios como as aves. Por exemplo, un enxame de libélula (Aeshna bonaeriensis) migra en manchas de 4 a 6 mil millóns de individuos, cun peso de 4.000 toneladas. Pero o campión dos insectos é a lagosta que pode acadar a cifra de 100.000 millóns de individuos cando migran entre África e Asia, cunha biomasa que supera as 200.000 toneladas.
E os mosquitos e moscas, aínda que nos resulten molestos son determinantes para a polinización de moitas especies vexetais. E posúen unha impresionante capacidade para detectar dióxido de carbono e outros químicos no aire a longas distancias, permitíndolles localizar fontes de alimento e potenciais parellas mesmo en contornas vastas e complexas.
Sabías que unha formiga raíña pode vivir ata 28 anos?
morcegos
enigmáticos exploradores nocturnos
Os morcegos, os únicos mamíferos voadores, de hábitos nocturnos e peculiar aparencia, capturaron a imaxinación da humanidade durante séculos. Son mestres do voo, desafíando a escuridade cunha habilidade impresionante para navegar con precisión a través da ecolocalización, un sistema de sonar que lles permite detectar obxectos e presas na escuridade total.
Con máis de 400 especies coñecidas en todo o mundo, os morcegos exhiben unha asombrosa diversidade en tamaño, forma e comportamento. Hai pequenos morcegos que caberían na palma da túa man, mentres outros, como os morcegos raposos de froitas, posúen ata un metro de envergadura.
A súa membrana alar esténdese desde as súas extremidades ata os seus corpos, permitíndolles realizar áxiles voos, e manobrar con precisión en contornas escuras e pechadas. As súas orellas grandes e o seu nariz peculiar, en forma de folla ou de fociño longo, son adaptacións especializadas que lles axudan a captar os sutís sinais de son que utilizan para navegar e cazar na escuridade.
A pesar da súa reputación asociada co escuro e o misterioso, os morcegos son criaturas fascinantes e vitais para os ecosistemas nos que habitan. Estes enigmáticos exploradores nocturnos atoparon o seu nicho nunha ampla variedade de hábitats,e desempeñan roles importantes como depredadores de insectos, polinizadores e dispersores de sementes.
aeroplancto
Microcosmos nas alturas
O aeroplancto é un mundo microscópico de vida que flota nas correntes de aire. Composto por bacterias, esporas fungosas, algas microscópicas, pequenos artrópodos, e outros organismos diminutos que son capaces de nacer, medrar, reproducirse e morrer no aire; só o aeroplancto é capaz desta fazaña. Aínda que son imposibles de ver a simple vista, estas criaturas desempeñan un papel crucial nos ecosistemas aéreos e contribúen ao ciclo de nutrientes, á formación de nubes ou a dispersión de pole.
Unha parte importante do aeroplancto é un complexo ecosistema de microbios, que inclúe bacterias, virus e fungos, e habita as capas baixas da atmosfera (desde a troposfera media e alta ata a baixa estratosfera).
As bacterias troposféricas existen en cantidades sorprendentes de centos de miles de organismos por metro cúbico de aire. Adaptadas a unha contorna hostil de radiación ultravioleta, falta de auga e altos niveis de oxidantes, non só sobreviven, senón que desempeñan roles importantes na química atmosférica e na formación das nubes.