Intelixencia e comportamento das aves
Intelixencia e comportamento
As aves son animais de comportamentos complexos. Algunhas, especialmente as gregarias, contan cunha intelixencia bastante desenvolvida que lles permite a resolución de problemas sinxelos.
En xeral, estes son algúns dos comportamentos das aves que permiten a súa supervivencia no medio natural:
- Comunicación e sociabilidade. As aves comunícanse a través de sinais visuais e auditivos con outras especies ou coa súa mesma especie. Isto ocorre tanto en especies solitarias como gregarias. As gregarias tenden a vivir en grupos ou comunidades como: as pombas (que forman grandes bandadas nas cidades), os gansos migratorios (voan en formación en V durante as migracións), os estorniños (poden formar bandadas enormes con patróns de voo coordinados no ceo), abelleiros europeos (aniñan en grupos unidos) e flamengos (agrúpanse en colonias para reproducirse e buscar alimento). As aves solitarias prefiren vivir de forma independente; tal é o caso dos paporrubios (territoriais, só se unen para aparearse) e moitos paseriformes que habitan nos diferentes hábitats de Santiago; tamén dos paxaros carpinteiros (que protexen o seu niño e fonte de alimento) e os falcóns (que viven sós, agás no tempo de migración). A comunicación visual inclúe exhibicións rituais para o mantemento de status dentro das comunidades ou con fins reprodutivos. A comunicación auditiva inclúe cantos de cortexo e de alarma para alertar dalgún perigo, alertas que aproveitan outras especies, mesmo non aves.
- Descanso. As aves contan cun alto índice metabólico, polo que a miúdo precisan descansar durante o día. O seu sono é vixiante para evitar seren cazadas por algún depredador, pero tamén inclúe outras estratexias como o soño durante o voo, caso das aves migratorias e dos cirrios. As especies gregarias adoitan xuntarse á hora de durmir, regulando así a súa temperatura durante a noite. Algunhas especies dormen en oquedades; outras, sobre unha ou dúas das súas patas. Dependendo da cantidade de vértebras cervicais, algunhas aves dobran o pescozo para descansar coa cabeza entre as ás, e outras simplemente dóbrano sobre o seu pescozo.
- Intelixencia. Sirvan uns cantos exemplos para ilustrar a intelixencia das aves. Os corvos, aves intelixentes por excelencia, fabrican ferramentas que utilizan para extraer larvas e insectos do interior de oquedades de toda índole. É máis, viaxan coas súas ferramentas o cal suxire que as valoran, algo bastante excepcional no mundo animal. Un corvo foi sorprendido mentres lanzaba tres piñas á cabeza dun científico que rubía cara ao seu niño.

Os cazadores ingleses case conseguen exterminar aos pavos salvaxes do seu territorio no século pasado. Por suposto, os cazadores non disparan aos pavos domésticos. Así que, decatándose disto, os pavos salvaxes sobreviventes desenvolveron un comportamento capaz de enganar aos cazadores. Conta un destes, que un día de cacería atopáronse con cinco pavos que camiñaban tranquilamente diante deles. Un pouco confusos por este comportamento, os humanos non eran capaces de decidir se se atopaban fronte a exemplares domésticos ou salvaxes. Os pavos proseguiron o camiño ata que se desviaron cara a un muro, ao que rubiron despois, desaparecendo en canto perderon de vista os cazadores, que quedaron perplexos. Parecera que fosen conscientes de que a súa seguridade depende de manterse de incógnito cando os observan, despregando a despreocupación dos seus parentes domésticos mentres a ameaza é pasiva ou inevitable.

Un exemplo máis, tense observado ás cegoñas utilizar ferramentas para levar auga ás súas crías. Que ferramenta? Pois un anaco de musgo que usan a modo de esponxa, impregnándoo de auga transpórtano ao niño e esprémeno sobre o bico dos seus pitos. Algo parecido poden facer algunhas especies de pombas, pero neste caso a ferramenta é o seu propio papo ou bocho no que son capaces de levar auga ata o niño.

Os paxareiros son esas persoas que gozan coa observación de aves. Afeccionados deste tipo observaron un extraordinario comportamento nos humildes gorrións dunha estación de autobuses recentemente inaugurada en Nova Zelandia. Os paxaros descubriron o mecanismo automático que accionaba a apertura da porta da cafetería, así que se colocaban enriba, inclinando a cabeza ou voaban diante do sensor ata conseguir que se abrise para poder entrar a peteirar nas sobras abandonadas nas mesas, para saír utilizaban o mesmo sistema.