PROTECCIÓN URBANA
FAUNA AÉREA E EDIFICACIÓNS
“Cando se fala de sustentabilidade en edificios, en xeral pénsase en cuestións como o consumo de materiais e enerxía, emisións de CO2, xeración de residuos…, pero rara vez se ten en conta a biodiversidade. Con todo, moitos edificios e infraestruturas creadas polo ser humano albergan unha rica e variada fauna e flora, debido a que ofrecen alternativas á degradación e desaparición dos seus lugares naturais de refuxio e nidificación. Algunhas especies mesmo chegaron a ser totalmente dependentes destas estruturas artificiais para a súa supervivencia”
Esta cita aparece na publicación de SEO BirdLife Fauna Silvestre y Edificios. Guía Técnica para conservar y fomentar la biodiversidad en obra nueva y rehabilitación (que podes atopar en Recursos de esta web) que quere ser unha referencia para unha arquitectura responsable e protectora da fauna aérea.
¿Que se pode facer? Sirvan estes dous exemplos para ver que con pouco podemos conseguir moito.
Restauración da igrexa de Santas Mariñas de Sar en Santiago. SEO Pontevedra propuxo realizar intervencións destinadas a protexer a fauna, de forma que se habilitaron un total de 8 espazos para gorrións, 1 para o rabirrubio e 4 para morcegos. Ademais, nas dúas fachadas laterais deixáronse ocos abertos entre as tellas e os beirados para que poidan nidificar os vencellos.
Reformas na Igrexa de Marrozos. En 2019 acometéronse obras de reformas nesta igrexa parroquial. Do mesmo xeito que na de Santas Mariñas, SEO Pontevedra involucrouse no proxecto conseguindo que se habilitasen accesos para gorrións e rabirrubios, e accesos ao interior da bóveda para que os morcegos puidesen entrar, así como buracos nas tellas da nave principal da igrexa, para que os cirrios comúns poidan aniñar.



REDUCIR A CONTAMINACIÓN LUMINOSA
A contaminación luminosa, que aumenta cada ano un 10%, está convertendo a noite en día no 80% do planeta, alterando artificialmente o patrón estable polo que calquera animal ou planta pode anticipar o día e a noite despois de millóns de anos de evolución. Cada vez reúnense máis evidencias das alteracións que a contaminación luminosa provoca no comportamento e na fisioloxía das especies; mesmo nos seres humanos. A boa nova é que a contaminación luminosa pode eliminarse ou minimizarse rapidamente, o que non se pode dicir da contaminación do aire ou da auga.
A contaminación luminosa afecta aos ciclos biolóxicos da fauna, e pode alterar as súas pautas de alimentación, apareamento, migración etc. Ademais, a contaminación luminosa tamén é responsable da morte de millóns de insectos atrapados nos puntos de luz, as avelaíñas e os grilos vense atraídos por farois e focos, e cambian o seu comportamento. Nos morcegos a iluminación xera un efecto barreira que limita os desprazamentos, e nas aves migratorias e mariñas, a luz é como un faro que as atrae cara a núcleos urbanos, impedíndolles seguir o seu camiño. Por todo iso, é moi importante que os concellos tomen medidas para reducir este tipo de contaminación. O deseño e conformación de espazos e corredores sen iluminación artificial, pode facer máis acolledoras as contornas urbanas á fauna, e permitir o movemento das especies nocturnas, como bufos ou mouchos, pequenos mamíferos e insectos.
Algunhas das medidas que se poden desenvolver para loitar contra a contaminación luminosa son:
• Uso de luces artificiais só onde sexa necesario.
• Apagar as luces e reducir ao mínimo a duración e intensidade da iluminación cando a precisemos. Utilizar atenuadores que reduzan a intensidade.
• Pechar as persianas ou cortinas pode reducir significativamente a contaminación luminosa. Un estudo que durante dúas décadas analizou os choques de aves en Chicago, descubriu que reducir un 50% a luz que se filtra polas fiestras podía diminuír un 60% as colisións de aves.
• A utilización de detectores de movemento para o acendido das luces, sería unha moi boa medida.
• Usar lámpadas apantalladas pechas e evitar as fugas de luz por encima da horizontal.
• Prohibición de láseres e focos publicitarios.
• As lámpadas LED causan problemas á fauna porque producen unha luz azulada de onda curta, que atrae máis a insectos e paxaros, ademais de alterar o ritmo circadiano (afectando ao ciclo do sono) dos mamíferos. Estes efectos poden minimizarse usando filtros amarelos.