
Nome Común: Morcego de ferradura grande
Nome Científico: rhinolophus ferrumequinum
Familia: Rhinolophidae
Presenza: Gústanlle especialmente os bosques con espazos abertos. Os refuxios que utiliza son case sempre covas, minas ou túneles durante o inverno para a súa hibernación; na época de actividade prefiren os sobrados, faiados e bodegas. A maioría das nosas poboacións encóntranse na provincia de Ourense, ligadas ao curso do río Miño, certas zonas próximas da provincia de Pontevedra e só unha poboación resistente no sur da provincia da Coruña.
Descrición: Trátase do morcego máis grande do seu grupo. Tamaño medio: Envergadura: 380mm / Altura: 70mm Peso medio: ♂ 18gr / ♀ 20,7gr Presenta o corpo cuberto por un pelo denso, de tacto semellante á la, de cor cinza pola zona dorsal, máis claro na parte ventral, ás veces con certos matices amarelos. Resulta característica unha protuberancia nasal en forma de ferradura de cabalo. Ten orellas anchas coas puntas recurvadas. Unha vez chegados á madurez sexual, os apareamentos suceden ao longo do outono e incluso en inverno. A xestación do novo individuo coincide co inicio da primavera e os nacementos teñen lugar nas primeiras semanas do verán. O desenvolvemento das crías é moi rápido, pois xa comezan a voar a partir dos 15-20 días de idade. A súa dieta esta formada especialmente por escaravellos, avelaíñas e outros insectos. As femias presentan dúas mamas pectorais coas que aleitan a súa cría mentres permanecen colgadas nos seus lugares de repouso. Caza insectos de mediano e gran tamaño, sobre todo bolboretas nocturnas, escaravellos e saltóns, para o que utiliza un sofisticado sistema de ecolocalización por medio de ultrasóns.