XESTIÓN MEDIOAMBIENTAL
A cidade de Compostela e a súa contorna periurbana presenta unhas condicións bastante favorables para a conservación da biodiversidade, xa que conta con máis de 5 millóns de metros cadrados de zonas verdes, ás que hai que sumar ricos bosques de ribeira nos ríos Sar, Sarela, Tambre, Sionlla ou Santa Lucía; lagos artificiais como o do monte Gaiás, a lagoa de Cornes, o Auditorio de Galicia ou a Granxa do Sexto; numerosas carballeiras (Santiago é a cidade de Galicia que conta con máis carballeiras na súa zona urbana e periurbana), soutos, devesas e montes cubertos de mato natural.
Neste contexto, hai que identificar, conservar e recuperar os sistemas danados, ecoloxizando zonas urbanas e periurbanas, o que implica restaurar sistemas degradados e favorecer a conectividade dos diferentes hábitats.
A continuación presentamos algunhas medidas adecuadas para crear espazos amables que favorecen a supervivencia da fauna aérea. Cortar o céspede en nome da “estética” en plena floración primaveral converte estes espazos en desertos de biodiversidade. Tamén é preciso, por suposto, reducir de forma drástica a utilización de herbicidas, pesticidas e fertilizantes.
Boas prácticas de xestión medioambiental

Xestión responsable de zonas verdes e outras actuacións de limpeza e coidado.
Fomentar que se realicen podas coidadosas centradas exclusivamente na mellora da saúde das árbores; atrasar a realización de segas de plantas silvestres en plena floración (mal chamadas “malas herbas”) nos parques, céspede, herbáceas e arbustos nas cunetas ou nos montes; e que estas accións se atrasen o tempo necesario para favorecer que as plantas boten sementes e sequen; manter as follas, ramas e froitos caídos…
Re-naturalizar soares e descampados.
Destinar terreos públicos para o fomento da biodiversidade urbana, priorizando unha planificación urbana sostible. Valorar a expansión actual das grandes infraestruturas e a necesidade de novas macroinfraestruturas (autoestradas, aeroportos, presas) e o seu impacto real nos ecosistemas e nas comunidades animais e vexetais).
Identificar e conservar os sistemas que actualmente presentan un bo estado ecolóxico precisa do compromiso decidido das institucións, para protexelos e preservalos, fomentando o traballo en redes coas asociacións que se preocupan po la conservación do medio ambiente e a fauna que os ocupa; así como sensibilizar e fomentar a implicación da ciudadanía na protección da fauna aérea e todos os hábitats que necesitan para a súa supervivencia.
VETERANIZACIÓN DAS ÁRBORES

A descomposición da madeira é un dos procesos ecolóxicos fundamentais no mundo, tanto para favorecer a saúde do bosque como para preservar a fauna de insectos, que se alimentan dela ou que buscan un lugar seguro onde pasar o inverno ou poñer a súa posta. En moitos países do noso ámbito, ten aumentado a conciencia sobre os múltiples e enormes valores que representan as árbores vellas e veteranas, que deben ser tratadas con maior sensibilidade para axudar a prolongar as súas vidas e asegurar a continuidade dos hábitats que requiren moitas especies asociadas. As árbores desenvolven interrelacións complexas con plantas, fungos e animais, tanto en superficie como subterráneas, e a medida que envellecen, polo xeral aumenta a diversidade de hábitats que ofrecen, como son madeira en descomposición e cavidades que poden acoller morcegos, aves e insectos.Unha árbore clasifícase como vella cando ten un interese biolóxico, estético ou cultural e unha idade elevada en relación con outros individuos da mesma especie.
Unha árbore pode ser clasificada como veterana, sen ser necesariamente moi vella, cando ten as características físicas dunha árbore vella. Despois de morrer, as árbores veteranas manteñen moitos aspectos do valor que teñen os vivos e deben ser conservados.
OASIS PARA BOLBORETAS

Cultivar plantas atractivas para os insectos e aves en contornas urbanas, parques, paseos, terrazas, balcóns etc., implicando a participación cidadá, pode ser unha boa idea para favorecer os insectos. Hai probas fidedignas de que nas zonas urbanas poden existir poboacións máis abundantes dalgúns polinizadores que nas terras de cultivo, por exemplo, e ademais favorecer o aumento do número de abellas silvestres nas terras de cultivo adxacentes. Crear este tipo de oasis está ao alcance de institucións, centros educativos, asociacións veciñais, entidades públicas, hortas urbanas e, por suposto, particulares nas súas propiedades .Un oasis de bolboretas non é precisamente un xardín ornamental, senón que implica outra visión, porque hai que asumir a presencia de eirugas e plantas de aspectos descoidado ou danado, que son alimento fundamental na fase larvaria. Nos oasis de bolboretas podemos incluír: rúcula, mostaza negra, estrugas, cardos, xeranios, cenoria, pirixel, coandro, fiúncho, trevos, alfalfa ou gramíneas como o alpiste, raigrás (césped inglés), grama, avea, centeo ou trigo e ademais, rosáceas (incluídas froiteiras), malvas, uces, romeu, lavanda, salvia, tomiños, margaridas, xirasoles ou violetas, entre outras.
RESERVAS ENTOMOLÓXICAS

A figura de reserva Entomolóxica, foi creada pola Asociacións Española de Entomoloxía en 2012. Entre os seus obxectivos destacan: lograr a protección de zonas con especial relevancia pola súa diversidade ou que albergan especies singulares -por exemplo, o Carabus galicianus, un coleóptero endémico de hábitats fluviais de Galicia- ou con algún grao de ameaza. Estas reservas acompañaranse de programas de conservación das especies e os seus hábitats, así como da promoción de actividades educativas e divulgativas que sirvan para xerar maior conciencia e implicación de conservación na cidadanía. Poden ser promovidas por entidades públicas, privadas e particulares. A declaración de reserva entomolóxica, tras o acordo dos propietarios e a dita asociación, implica a necesaria sinalización, e a adopción de medidas que aseguren o mantemento en bo estado da reserva.